Tuesday 14 de May de 2024

O PSOE pedirá explicacións ao Concello sobre a falta de avances na solución dos problemas do servizo de Pediatría no centro de saúde


Os socialistas pedirán o rexeitamento da corporación municipal ao proxecto de reapertura da mina de cobre San Rafael en Touro e O Pino

Os socialistas de Ordes pediranlle explicacións ao alcalde ordense sobre a falta de avance na solución dos problemas do servizo de Pediatría no centro de saúde. “Danos a sensación de que nin se solucionou o problema dos pediatras, porque os nenos seguen esperando varias horas para seren atendidos, nin o da zona de espera, onde só puxeron unhas cantas cadeiras máis”, indica o voceiro municipal, Alejandro Manteiga.

“Queremos saber se se están tomando as medidas oportunas e realizando as xestións pertinentes dende o Concello para dar unha solución ao problema”, explica o voceiro municipal socialista. Os socialistas xa pediran, mesmo no propio Parlamento de Galicia, dous pediatras a tempo completo e unha sala de espera para a área de Pediatría no centro ordense, que ten 1.676 menores de catorce anos e non cumpre coas ratios recomendadas pola Socieade Española de Médicos de Atención Primaria. Unhas ratios que recomendan como idóneo as 900 tarxetas por pediatra, mentes que en Ordes está situada en 1.117. Ademais, as familias non teñen unha sala de agarda para o servizo de Pediatría, polo que teñen que agardar nun estreito pasillo que é zona de paso de médicos e pacientes.

Minería

Así mesmo, os socialistas ordenses presentarán unha moción para que o Concello de Ordes rexeite o proxecto de reapertura da mina de Cobre San Rafael, emprazada nos concellos de Touro e O Pino. “Estamos ante un proxecto cun impacto ambiental inasumible, un impacto sobre a saúde preocupante, un impacto económico negativo e un impacto social e cutlural que xera unha forte alarma en toda a contorna”, conclúe Alejandro Manteiga.

Por iso, os socialistas pedirán que se inste aos distintos departamentos da Xunta de Galicia a emitir informes negativos e se desestime a autorización administrativa desta actuación mineira, ao tempo que se promova unha completa restauración da antiga explotación mineira de Touro, eliminando os focos de contaminación de metais pesados e drenaxe aceda para asegurar que non comprometa a calidade ambiental dos afluentes do río Ulla e da Ría de Arousa.

Unha moción que os socialistas aproveitarán tamén para instar a Augas de Galicia a realizar traballos de mantemento e saneamento dos leitos dos ríos que pasan por Ordes. “Dende hai anos, os leitos dos ríos de Ordes están sen limpar ou con simples limpezas puntuais que non impiden que estean aparecendo presas naturais que poden favorecer a inundación de zonas próximas”, apunta Alejandro Manteiga, quen lembra que “a última limpeza completa que se fixo foi cando os socialistas de Ordes xestionabamos a Concellería de Medio Ambiente”.